Friday 17 de May de 2024

A exposición “On The Road’ supera os 50.000 visitantes catro meses despois da súa inauguración


 

O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago acollen esta mostra que permanecerá aberta ata finais de novembro

 

A exposición “On the Road”, organizada por Turismo de Galicia, superou os 50.000 visitantes, xusto cando se cumpren os catro meses da súa inauguración. A mostra, unha das principais actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, continuará recibindo visitantes ata finais de novembro.

 

Este ambicioso proxecto expositivo conta cun conxunto de 44 pezas que abarca un abanico moi amplo de formatos artísticos: pinturas, esculturas, fotografías, instalacións, vídeos e films así como intervencións no espazo urbano.

 

Esta homenaxe á peregrinación do Santo de Asís e ao concepto de camiñar conta coa participación de 35 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel. ‘Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West son os artistas que participan na gran exposición. Doce destes artistas crearon obras específicas para exhibirse en Santiago de Compostela.

 

O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago, como a praza do Obradoiro ou o Hostal dos Reyes Católicos, son os escenarios que acollen este singular repertorio de inquedanzas, saberes, visións e achegas artísticas que converteuse nestes meses nunha parada ineludible para os que visitan Galicia e Santiago de Compostela.